Co obxectivo de potenciar a imaxe da marca Sanxenxo, o Concello ultima o lanzamento dunha liña de produtos propia que se converterá nunha nova ferramenta de promoción turística do municipio.
Baixo os estándares de "sustentabilidade e calidade", veciños e visitantes poderán lucir en distintos produtos como gorras, bolsos ou toallas a marca Sanxenxo na que se manterá a tipografía oficial, para que sexa facilmente identificable co municipio, e a dobre “x”, logo utilizado desde hai xa máis dunha década por Turismo de Sanxenxo.
Cun logo e nome plenamente asentado e coñecido, o Concello encargou un estudo do perfil ou público potencial ao que se destinará a liña de produtos inicial e que podería ampliarse a medida que se consolide o proxecto.
A idea do goberno é iniciar esta aposta con poucos produtos, coidadosamente seleccionados e de calidade, respondendo á demanda que moitos turistas realizan durante a súa visita a Sanxenxo.
Xunto á calidade e sustentabilidade ambiental no proceso de elaboración do produto, o envoltorio será outro dos aspectos que se coidará no proceso de venda. Cada liña de produto asociarase a unha cor diferente.
PUNTO DE VENDA
A oficina de turismo situada no porto deportivo de Sanxenxo cobrará unha maior visibilidade tras a reforma que levará a cabo para que poida acoller o punto de venda dos produtos e, á vez, manter o carácter informativo.
Ambas as actividades, a comercial e a turística convivirán nun espazo que será reformado para que ambas poidan potenciarse e mellorar o servizo que actualmente xa se presta.
O obxectivo que persegue o goberno é que este mesmo verán xa se poidan poñer no mercado as primeiras pezas baixo a marca Sanxenxo.