O concerto de Carlos Núñez trasládase ao auditorio do Colexio San Narciso

Marín
14 de agosto 2020
Actualizado: 16 de agosto

Debido á previsión de presenza de chuvias durante a noite deste domingo nas Rías Baixas, o Concello de Marín decidiu trasladar de lugar o concerto do músico galego e o Parque dos Sentidos permanecerá aberto ao público durante toda a xornada

Finca de Briz (Marín)
Finca de Briz (Marín)

Este domingo 16 de agosto estaba prevista a celebración na Finca de Briz, en Marín, do concerto do gaiteiro Carlos Núñez, dentro da súa xira 'Lugares Máxicos'. Pero a previsión meteorolóxica anuncia chuvias nas Rías Baixas durante a noite e por ese motivo o concerto foi trasladado ao auditorio do Colexio de San Narciso.

A apertura para as persoas asistentes ao concerto realizarase unha hora antes do inicio do mesmo, previsto para as 21:00. As entradas están á venda a través da páxina web Ataquilla.com a un prezo de 20 euros.

O espazo será limitado e respectando todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias para a súa celebración. As cadeiras estarán dispostas de dúas en dúas, con algúns asentos individuais. Será obrigado o uso de máscara en todo momento.

Ante este cambio, o Parque dos Sentidos permanece aberto ao público durante toda esta xornada, segundo anuncia o Concello de Marín.