O concurso Sanxenxo Degusta arranca este venres con 64 tapas participantes

Sanxenxo
18 de maio 2017

Trinta establecementos locais súmanse á presente edición desta iniciativa promocional

Presentación de Sanxenxo Degusta Tapas
Presentación de Sanxenxo Degusta Tapas

O Concello de Sanxenxo presentou este xoves a VIII edición do concurso Sanxenxo Degusta Tapas, que dará comezo este venres 19 de maio e prolongarase ata o 4 de xuño.

Nesta ocasión son 30 os locais que concursan presentando 64 tapas, nas modalidades tradicional (22 tapas), creativas (27) e doces (20 tapas). Mantense o prezo de 2 euros por tapa así como o sistema de votación de edicións anteriores, co que o público terá voz propia, aínda que nesta edición o xurado profesional non visitará os locais.

Serán os establecementos participantes quen deberá presentar as súas tapas a ditame dun xurado que avaliará as propostas gastronómicas nunha xornada que se convocará para ese efecto na Sala Nauta.

Nesta edición haberá moitos premios e sorteos para o público participante como estancias, spas, bonos saúde, ceas, viaxes en barco, visitas a adegas, incluíndo como novidade o sorteo dun ipad. Os primeiros en entregar o Degusta Mapa completo recibirán como premio seguro unha cea ou comida para dúas persoas nos locais participantes, e en caso de resultar desertos sortearanse entre todos os participantes.

Ademais de manterse a inclusión dunha tapa doce, a principal novidade desta edición é que se acurta a duración do concurso con respecto a anos anteriores xa que a Concellería de Turismo contempla a posibilidade de organizar unha nova convocatoria no outono, con produtos de tempada.