O conselleiro de Industria invita os concellos a converter Galicia na comunidade onde sexa máis fácil investir

Pontevedra
23 de novembro 2017

Francisco Conde mantivo un encontro con alcaldes da provincia pontevedresa no edificio da Delegación da Xunta de Galicia para informar da nova lei de implantación empresarial

O conselleiro Francisco Conde
O conselleiro Francisco Conde / Xunta de Galicia
Declaracións do conselleiro de Economía e Industria sobre a Lei de implantación empresarial /

A Xunta busca que os concellos se incorporen ao convenio que asinou a administración autonómica coa Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias) para ofrecer bonificacións ás empresas. Desta forma, eses municipios terán acceso a axudas para o fomento do emprego, a industria, o comercio e o emprendemento.

Así o manifestaba na tarde deste xoves, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a alcaldes da provincia de Pontevedra na Delegación da Xunta en Campolongo co obxectivo de mellorar a regulación da fiscalidade municipal e facilitar a implantación de novas empresas na provincia.

Desta forma, destacou a importancia que terá a lei de implantación empresarial, que ofrecerá novas oportunidades para aquelas empresas interesadas en investir en Galicia.

A nova lei, segundo Francisco Conde, ofrecerá bonificacións de ata o 95% dos impostos para as administracións que se somen ao convenio proposto pola Xunta á Fegamp. Ademais, axilizaranse as licenzas de obra e estableceranse medidas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nos  concellos que se somen a esta iniciativa. 

O obxectivo é que Galicia convértase na comunidade autónoma que ofreza máis facilidades para poder investir, máis incentivos, menor fiscalidade e con menos trabas burocráticas e administrativas. Desta forma, está previsto achegar facilidades para o acceso a chan industrial.

A idea da Xunta é que se reduzan á metade os prazos de tramitación dos proxectos empresariais. Tamén está prevista a creación do censo de chan empresarial para coñecer as necesidades. A lei tamén recolle unha medida para facilitar o pago aprazado e sen intereses na compra de chan público, ademais de iniciativas xa aplicables como as bonificacións na venda de solo público nos parques empresariais.

Conde indicou que a nova lei facilitará a creación de emprego a través da colaboración entre Xunta e concellos.