O conselleiro de Mar, sobre os 'pellets': "Calquera persoa comemos ás veces accidentalmente algún plástico"

Sanxenxo
10 de xaneiro 2024

Alfonso Villares reuniuse cos patróns maiores de Sanxenxo e Portonovo para intentar "poñer en contexto" a crise actual e pide abordala "intentando non dramatizar e non prexudicar o sector do mar". Insiste tamén en que "calquera outro dos restos plásticos que estamos encontrando nas praias son máis tóxicos ca eses"

Alfonso Villares, conselleiro de Mar, en Sanxenxo
Alfonso Villares, conselleiro de Mar, en Sanxenxo / Mónica Patxot

O conselleiro de Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, desprazouse este mércores ata a lonxa de Portonovo para manter unha reunión cos patróns maiores de Sanxenxo e Portonovo e intentar "poñer en contexto" a actual crise dos granulados, ou 'pellets', coa que pensa que se está "prexudicando moitísimo" ao sector pesqueiro e marisqueiro. 

Villares lembrou que a xente do mar xa está a sufrir as consecuencias do "consumo reducido" de peixe dos últimos anos, que traballan para remontar potenciando que a poboación consuma máis este produto, e coa chegada masiva dos microplástico á costa galega estase a prexudicar aínda máis. "Ás veces hai cosas que están prexudicando a imaxe do peixe e dinse cosas que non son as correctas", lamenta.

 O conselleiro pide abordar a situación "con todo o mimo, intentando non dramatizar e non prexudicar o sector do mar" e, ademais, insiste na existencia de dous informes técnicos encargados pola Xunta de Galicia que conclúen que os 'pellets' non son tóxicos nin perigosos.

"Calquera outro dos restos plásticos que estamos encontrando nas praias son máis tóxicos ca eses", insiste o conselleiro, que chama a atención sobre o feito de que "por desgraza" os cidadáns atopamos nos areais moitos plásticos e tamén sostén que "calquera persoa comemos ás veces accidentalmente algún plástico. Pero saen. Entran por onde entran e saen por onde saen".

Así, considera que "teríamos que preguntarnos pola toxicidade de todo canto hai, das rodas, de plásticos de botellas, de restos de residuos que estamos vendo continuamente..." e lanza unha mensaxe tranquilizadora para o consumidor: "que a xente non vaia pensar que os peixes non se poden comer porque os plásticos lle entran polo aparato dixestivo e se lles vai para as súas carnes"

Nesta liña, aclara que o feito de que os peixes coman plásticos que se atopan no mar "non é unha realidade que aprendemos agora", senón que é algo que xa se sabe e que facendo esas afirmacións "estamos prexudicando o sector e non estamos sendo reais".

Ademais, fixo unha reflexión relativa ao xeito no que a xente consume o peixe. "Non sei se pola súa parte ou pola parte dalgún cidadán come todos os seus aparatos dixestivos dos pescados. Non sei. Eu non. Eu intento apartar o aparato dixestivo", reflexionou ante os medios de comunicación.

Arquivado en