O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou este mércores no Parlamento de Galicia que a tramitación do proxecto do hospital Gran Montecelo vai a bo ritmo.
Nestes momentos atópase en fase de licitación o expediente para a contratación do servizo de elaboración do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o anteproxecto para a ampliación do hospital Montecelo e a redacción do proxecto básico e de execución do Gran Montecelo. Presentáronse cinco propostas a través de unións temporais de empresas (UTE).
Segundo os cálculos do conselleiro, a primeira fase terá un prazo de execución de catro meses e medio coa planificación temporal dos traballos que se acometerán durante o contrato, a realización de traballos previos e a entrega da documentación para a exposición pública do plan sectorial de incidencia supramunicipal e da primeira versión do anteproxecto de construción.
A segunda fase terá un prazo de catro meses e contará coa redacción do proxecto básico de reforma e a ampliación e a urbanización de desenvolvemento do proxecto sectorial. O valor estimado do contrato ascende a dous millóns de euros.
A primeira premisa adoptada, segundo Vázquez Almuiña, céntrase en construír un edificio único implicando a todos os axentes implicados: cidadáns, pacientes e institucións.
O Plan Funcional xa se atopa acabado e será o "mellor posible" desde o punto de vista asistencial e técnico, que congregou un alto grao de consenso, segundo o conselleiro. Máis de 300 profesionais traballaron en nove grupos de traballo organizados por temas para deseñar este plan e estableceuse unha plataforma web para que os 4.000 profesionais dos hospitais de Pontevedra e O Salnés achegaron suxestións.
Tamén se permitiu aos cidadáns realizar as súas achegas a través da web para este proxecto que, segundo o máximo responsable da sanidade en Galicia, está a avanzar cumprindo os prazos previstos.