O conselleiro de Sanidade ve con optimismo a reapertura do ocio nocturno o vindeiro 1 de xullo

Pontevedra
14 de xuño 2021

Julio García Comesaña considera que a proba realizada en seis pubs e discotecas durante este sábado en Galicia ofrece resultados positivos. Destaca o bo comportamento da clientela dos locais e recoñece que os test realizados foron satisfactorios en xeral

Acceso á La Pomada na noite da proba piloto
Acceso á La Pomada na noite da proba piloto / Cristina Saiz

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba este domingo que as probas realizadas durante a noite do sábado ao domingo en seis pubs e discotecas de Pontevedra, Vigo, Santiago, Ourense, Lugo e A Coruña resultaron satisfactorias.

Segundo apuntou o  tiular de Sanidade na Xunta de Galicia "todo o que nos chega destas probas é positivo", polo que manifesta a súa confianza en que a partir do 1 de xullo poida reabrirse a actividade de lecer nocturno.

Destacou o cumprimento das normas establecidas e a organización nas entradas ordenadas nos locais escollidos para realizar as probas e as únicas incidencias detectáronse en relación coa monitoraxe dos niveis de CO2 debido a problemas técnicos do sistema que mide estes rexistros.

Ademais destacou o bo comportamento por parte da clientela destes establecementos e agora, tras o estudo que se realice pola Xunta de Galicia, a intención é que o próximo mes se permita a apertura dos locais deste sector atendendo a pequenos axustes que se deben acometer nos protocolos de actuación. García Comesaña adiantou que haberá unha próxima reunión co sector para analizar estas probas.

En relación coa celebración dos botellóns na rúa, o conselleiro afirmou que os Concellos puxeron os medios necesarios para que a xornada do sábado se desenvolvera con normalidade a pesar de que se liberaron as limitacións de reunións de grupos.

Sinalou que non se produciron problemas de orde pública destacables nin tiña constancia da celebración de "ningún botellón específico", un tipo de celebracións que están expresamente prohibidas en Galicia.