O conselleiro do Medio Rural desvela que "hoxe pola noite volvemos ter nove intentos de prender lumes"

Pontevedra
09 de agosto 2022

O conselleiro do Medio Rural, José González, volveu a apelar á concienciación cidadá fronte aos incendios e os incendiarios tras constatarse "claros indicios de intencionalidade" en varios lumes rexistrados a semana pasada

Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballando sobre os terreos queimados en Boiro
Técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballando sobre os terreos queimados en Boiro / Xunta de Galicia

O conselleiro do Medio Rural, José González, volveu a apelar á concienciación cidadá fronte aos incendios e os incendiarios tras constatarse "claros indicios de intencionalidade" en varios lumes rexistrados a semana pasada.  

"Hoxe pola noite volvemos ter nove intentos de prender lumes", dixo o conselleiro. "Pola noite non hai medios aéreos, non hai tormenta seca, non había preto liñas de eléctricas e por tanto, detrás, claramente, está a man do home", sentenciou.

Por iso, a Xunta apela á colaboración cidadá "para que sexan o máis prudentes posible" e lembra que está ao dispor da cidadanía o teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade incendiaria delituosa da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. O mes pasado houbo 120 chamadas a este teléfono e algunha delas abriu liñas de investigación, segundo desvelou o conselleiro. 

"Temos nestes momentos cámaras, drons e todo o persoal de investigación das forzas e corpos de seguridade do Estado e da propia Consellería do Medio Rural facendo investigación" advertiu o conselleiro polo que "podemos trasladar con claridade a todos aqueles que están provoncando lumes intencionados en Galicia que os imos a coller e caerá sobre eles todo o peso da lei" de modo que "ademais de ter penas de cárcere sufrirán no seu patrimonio tanto o pago dos gastos de extinción como tamén de todos os danos provocados que están a ser cuantiosísimos".

O conselleiro agora os esforzos centraranse na recuperación do chan e do potencial forestal da zona. Un traballo que xa arrincou hai uns días por parte de técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán no Courel e en Valdeorras, onde se están avaliando as distintas posibilidades de rexeneración da vexetación, e que tamén se fará noutras zonas afectadas polos incendios estes días. 

Nesa liña, José González aludiu á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais para a posta en valor do terreo e a anticipación aos incendios forestais. 

Finalmente o conselleiro lembra que tamén está dispoñible o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.