O Consello da Xunta autoriza as expropiacións para mellorar a seguridade da PO-308 entre Fontenla e Combarro

Poio
10 de xuño 2021

O goberno autonómico destinará máis de 1,65 millóns de euros a dúas actuacións na zona, coa creación dunha senda peonil e a eliminación dun punto de concentración de accidentes

Rotonda prevista na Seca en Poio
Rotonda prevista na Seca en Poio

A mellora da seguridade na PO-308 en Poio no tramo entre Fontenla e Combarro, deu este xoves un importante paso á fronte coa autorización por parte do Consello da Xunta de Galicia das expropiacións necesarias.

En concreto o goberno autonómico aprobou o expediente para as citadas expropiacións que permitirán por unha banda crear unha senda peonil e por outro eliminar un tramo de concentración de accidentes.

En total estas dúas actuacións contan cun orzamento que supera os 1,65 millóns de euros, segundo confirma a Xunta, incluíndo nestas cantidades os pagos compensatorios necesarios para a execución das obras.

No que respecta a a senda peonil, executarase un tramo de case 1,7 quilómetros de extensión pola marxe esquerda, ademais dun pequeno tramo na parte dereita entre a glorieta da VG-4.8 e o acceso ao IES de Poio.

Doutra banda en canto á actuación para mellorar a seguridade viaria, está previsto mellorar as interseccións para diminuír a velocidade neste tramo da PO-308 reducindo o número de xiros á esquerda.

Tras este trámite, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten a previsión de proceder ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre deste ano.