O Consello de Administración do Porto de Marín recibe formación sobre o plan antifraude

Marín
22 de decembro 2023

Concepción Campos, doutora en Dereito, subdirectora da Rede Localis e especialista en Administración Pública foi tamén a encargada de explicar aos integrantes do Consello o proceso de xestión de fondos Next Generation

José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, coa doutora en Dereito, Concepción Campos
José Benito Suárez Costa, presidente da Autoridade Portuaria, coa doutora en Dereito, Concepción Campos / Autoridad Portuaria de Marín

O Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Marín mantivo a última sesión do presente ano na que recibía unha charla formativa sobre o Plan Antifraude da entidade.

Concepción Campos, doutora en Dereito, subdirectora da Rede Localis e especialista en Administración Pública, foi a encargada de explicar as medidas de control antifraude ao máximo órgano colexiado de decisión do porto, ademais de ofrecerlles información sobre o proceso de xestión de fondos Next Generation.

O Plan está deseñado para catro grandes áreas de loita contra a fraude: prevención, detección, corrección e persecución.

No documento analizado contémplase o procedemento a seguir para enfrontarse a posibles conflitos de interese. Ademais o Plan é aplicable a todas as accións e proxectos da Autoridade Portuaria que conten con financiamento europeo.

O Código de Conduta establecido recolle principios éticos que deben rexer para todo o persoal da Autoridade Portuaria en cuesiones como a igualdade, prevención, protección do medio ambiente ou o respecto ás persoas.