O Consello de Participación Veciñal de Poio constituirase o martes 22 de novembro

Poio
19 de novembro 2022

A tenente de alcalde e concelleira de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns e Transparencia, Silvia Díaz, salienta que a constitución do Consello culmina un proceso iniciado coa aprobación do novo Regulamento de Participación Veciñal, consensuado por toda a Corporación

Silvia Díaz, concelleira de Participación Veciñal
Silvia Díaz, concelleira de Participación Veciñal / Concello de Poio

A tenente de alcalde e responsable de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns e Transparencia, Silvia Díaz, informa de que o vindeiro martes, 22 de novembro, ás 20.00 horas terá lugar a sesión constitutiva do Consello de Participación Veciñal.

Este órgano de participación aspira a consolidarse como "unha canle directa e eficaz de comunicación e colaboración entre a Administración local e os colectivos veciñais de Poio, facilitando o intercambio de información, a participación na toma de decisións, a organización de iniciativas ou o desenvolvemento de actuacións e proxectos que dean resposta ás necesidades da veciñanza", apunta a propia Díaz.

Poio recupera, deste xeito, un órgano que estivo operativo por última vez hai preto de 15 anos. A súa reactivación é un paso máis por parte do Goberno local á hora de garantir ferramentas útiles e efectivas na relación entre o Concello e as asociacións veciñais das diferentes parroquias poienses. 

A súa configuración é, precisamente, un dos puntos que se recollen no Regulamento de Participación Veciñal, aprobado de forma definitiva hai uns meses e elaborado conxuntamente por todos os grupos da Corporación. Esta convocatoria inicial culmina un proceso moi laborioso, para o cal non só foi preciso aprobar previamente o devandito regulamento, senón tamén acometer a actualización do Rexistro de Asociacións do Concello. 

Sobre este punto, Díaz indica que "é de agradecer o esforzo que fixeron as asociacións á hora de actualizarse e adaptarse aos requisitos que establece a normativa vixente".

Tal e como establece o artigo 26 da ordenanza, o Consello de Participación Veciñal, unha vez constituído, contará con dúas sesións ordinarias anuais, cada seis meses e estará presidido polo alcalde ou a concelleira en quen delegue esta función. A vicepresidencia corresponderá a un membro que non forme parte da Corporación municipal, cuxos catro grupos (BNG, PSOE, Avante e PP) estarán representados no órgano, así como as asociacións inscritas no rexistro municipal que inclúan na súa denominación a tipoloxía "veciñal" e aquelas que, non tendo no seu nome a tipoloxía "veciñal", inclúan nos fins principais da asociación "a promoción dos intereses xerais da veciñanza" se presentan no rexistro municipal solicitude expresa de formar parte do Consello de Participación Veciñal.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora