O Consello dos Nenos cre insuficiente o número de bambáns na cidade

Pontevedra
24 de maio 2017

Alumnos de 7 a 12 anos preguntaron e fixeron suxestións sobre un amplo abano de temas de interese para eles: os itinerarios seguros aos coles e tamén os parques infantís, os bambáns para rapaces con discapacidade e os carris-bici

Consello dos nenos PontevedraViva

A Casa da Luz acolleu este mércores a xuntanza anual do Consello dos Nenos, na que os pequenos avaliaron os camiños escolares e fixeron suxestións co fin de mellorar as rutas seguras aos colexios e tamén formular preguntas e propostas relativas a outros aspectos da cidade.

Forman parte do Consello dos Nenos o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, a concelleira de Protección Cidadá, Carme da Silva, o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle e o inspector responsable de Educación Vial da Policía Local, Jesús Cal e os representantes dos escolares -rapaces de 7 a 12 anos- elixidos polos seus compañeiros.

Na xuntanza deste mércores participaron os colexios Vidal Portela, Marcos da Portela, Doroteas, Campolongo e Barcelos.

As peticións e suxestións formuladas polos portavoces escolares son recollidas en acta e tidas en conta polo Concello. Foi o caso das achegas feita no seu día polos nenos do CEIP Froebel e Doroteas sobre a rúa Alfonso XIII ou a dos escolares do CEIP Barcelos respecto á reforma da praza e a súa conversión en patio de recreo.

Cuestións como a idoneidade de mellorar a sinalización dos camiños escolares, a retirada dos voluntarios ou saber como xurdiron estes itinerarios foron formuladas e contestadas polo alcalde e a concelleira de Protección Cidadá que tamén afrontaron un amplo abano de preguntas alleas aos camiños pero ligadas a temas do seu interese.

Se haberá máis parques e zonas de ocio infantís ou bambáns para nenos con discapacidade; o bo que sería ter máis carrís bici e mesmo por que non construír un tren a Sanxenxo; a preocupación polos nenos e familias sen recursos, o combate contra o polen ou a separación de augas pluviais e fecais foron cuestións postas enriba da mesa.