Sete meses despois de presentar o proxecto, o Concello de Pontevedra anunciou a licitación do novo parque infantil de Campolongo. Ocupará un espazo de 1.700 metros cadrados e busca ser unha referencia para os equipamentos deste tipo na cidade.
Neste parque investiranse 300.000 euros e terá un prazo de execución de tres meses, polo que o goberno municipal espera que estea terminado para a próxima primavera.
O parque ocupará toda a zona situada entre as piscinas e o paseo Valle Inclán -onde está tapado o río Gafos-, deixando a igrexa de San José á súa esquerda. Ademais, integrará todas as árbores que hai nas tres áreas diferencias que se habilitarán.
A primeira delas estará reservada para nenos menores de seis anos e contará con balancíns e pequenos xogos reunidos ao redor dunha estrutura que imitará a un barco, cheo de tobogáns e redes; mentres que a segunda será unha especie de área de estar para os acompañantes dos nenos, con mesas e bancos.
A zona máis ampla será a que acollerá a área para nenos maiores de seis anos e que terá, xunto con randeeiras ou xogos varios, unha torre elevada duns seis metros que contará con grandes tobogáns e outras atraccións.
Esta dotación podería cambiar lixeiramente, xa que o portavoz do goberno municipal, Raimundo González, os elementos de xogo non veñen definidos nos pregos e serán ofertados directamente polas empresas licitantes.
Iso si, as empresas deberán, entre outras cousas, colocar un bordo perimetral nas áreas de xogo, instalar zonas de sombra e colocar céspede artificial en todo o parque.
OUTROS ASUNTOS
Ademais, a Xunta de Goberno acordou prorrogar un ano máis os convenios con Cáritas e Calor y Café para a atención de persoas sen fogar, a razón de 29.000 e 15.000 euros respectivamente.
Tamén se aprobou adxudicar á empresa Ediserpo as obras de accesibilidade que se realizarán na praza de Barcelos e o primeiro tramo da rúa Rouco, valoradas en 82.720 euros. É unha actuación consensuada coas asociacións de persoas con mobilidade reducida.