Campolongo estreará o parque infantil "máis grande" de Pontevedra antes de final de ano

Pontevedra
09 de xullo 2018

Unha área de case 1.000 metros cadrados, delimitada polo colexio Crespo Rivas, o complexo deportivo das piscinas e o paseo cuberto do Gafos. É o espazo que ocupará o futuro parque infantil de Campolongo que será, segundo destaca o goberno municipal, "o máis grande" de toda a cidade

Parque de Campolongo
Parque de Campolongo / Mónica Patxot

Unha área de case 1.000 metros cadrados, delimitada polo colexio Crespo Rivas, o complexo deportivo das piscinas e o paseo cuberto do Gafos. É o espazo que ocupará o futuro parque infantil de Campolongo que será, segundo destaca o goberno municipal, "o máis grande" de toda a cidade.

A empresa HPC Ibérica será quen execute a obra, que ten un custo de 272.515 euros. Ten un prazo de tres meses, polo que o Concello confía en que estea totalmente operativo a finais de ano, tendo en conta que durante o verán pode haber algún atraso coa entrega de materiais por parte das compañías provedoras do sector.

O novo parque infantil de Campolongo terá tres zonas diferenciadas.

A primeira delas, destinada a nenos menores de seis anos, estará equipada con bambáns básicos de berce e inclusivos, xogos combinados, un carrusel no que collerán cadeiras de rodas, un trampolín, un xogo de muelle con dous postos, dous teléfonos que permiten aos nenos situarse a unha distancia de ata 25 metros ou un sendeiro de texturas.

Unha torre de tobogáns de seis metros e medio de altura, de estética similar a un parque acuático, será o elemento central da zona pensada para os nenos máis maiores. Haberá nela tamén zonas para trepar, bambáns planos e de cesta ou mesmo unha tirolina.

Entre ambas áreas haberá unha zona pensada para a espera dos acompañantes dos nenos, na que haberá bancos, mesas e unha fonte. Ademais, haberá unha mesa para poder xogar ao tenis de mesa e outras dúas con xogos fixos de parchís e xadrez.

As obras comezarán co tratamento de toda a parcela na que se vai a actuar, na que haberá que formigonar para facer a base do parque, botar caucho e, finalmente, herba sintética. Todo este parque estará integrado no entorno e respectaranse as árbores existentes.