O Consello Escolar Municipal, pendente de recibir o novo mapa escolar

Pontevedra
25 de febreiro 2016

Esta nova zonificación será avaliada e debatida no Consello Escolar Municipal cando Educación a teña rematada e a presente no seo deste organismo que, este mércores, comezou unha nova etapa coa renovación dos seus membros e a inclusión, por vez primeira, dun representante da Universidade de Vigo

Xuntanza do Consello Escolar Municipal na Casa das Campás
Xuntanza do Consello Escolar Municipal na Casa das Campás / Mónica Patxot

A comunidade educativa está pendente do novo mapa escolar de Pontevedra, pero por agora tan só coñecen pequenos detalles.

Esta nova zonificación será avaliada e debatida no Consello Escolar Municipal cando Educación a teña rematada e a presente no seo deste organismo que, este mércores, comezou unha nova etapa coa renovación dos seus membros e a inclusión, por vez primeira, dun representante da Universidade de Vigo.

A concelleira Carmen Fouces destacou que este organismo é foro "máis plural que existe" no municipio para tratar todos os temas relativos á educación. Ademais, cualificou este primeiro encontro como "cordial, colaborativo e dialogante".

Unha das grandes cuestións analizadas foi o novo sistema polo que aposta o Concello para o mantemento dos colexios públicos. Será cun contrato que será adxudicado a unha empresa privada e que ten un importe anual estimado de 200.000 euros.

Con este contrato de mantemento e conservación tense previsto acometer os traballos para o mantemento dos centros escolares, pintados interiores e exteriores, limpeza de canlóns e cubertas, revisión de falsos teitos ou reformas de carpinterías.

Ademais, avanzouse no compromiso de que todas as accións e actividades que se promovan dende o Concello profundarán no obxectivo de que a cidade e a contorna sexan un axente educador máis.

Así, a perspectiva de xénero, a promoción da lingua e a participación e cohesión social serán os eixos claves das iniciativas, unhas claves transversais que formarán parte das accións promovidas que estarán agrupadas en tres áreas: cidade, contorna e medio urbano; cultura e patrimonio e ciencia, saúde e medio ambiente.