A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, amosou este luns a súa "perplexidade" ante a petición do Grupo Municipal do Partido Popular de que se convoque o Consello da Muller "cando xa está convocado para o vindeiro 2 de novembro e, ademais, a responsable 'popular' Silvia Junco foi informada onte pola tarde en persoa, verbalmente, de dita convocatoria".
Segundo informou o PP, nun comunicado á concelleira 'popular' Silvia Junco rexistrou unha petición para que se convoque de forma presencial o Consello Municipal da Muller.
"Con este encuentro buscamos promover iniciativas en el ámbito de la mujer dentro de un espacio municipal. Debemos proponer actuaciones y potenciar iniciativas para que sigamos trabajando en actuaciones que favorezcan la Igualdad", detallou a popular, que avoga por potenciar a coordinación entre as diferentes administracións neste tema.
A edil socialista Yoya Blanco lembrou que, en caso de que a comunicación verbal "non fose o suficientemente nítida", os responsables do PP "xa saben de sobra que é uso e costume deste equipo de Goberno convocar o Consello da Muller cando chegan datas sinaladas como a do 25N, cousa que tamén aconteceu con motivo da conmemoración do 8M", coa finalidade de "promover a participación de tódolos sectores en accións a prol de igualdade, en efecto, sen importar o signo político".
"A comunicación da convocatoria xa foi enviada aos membros do Consello, entre os que se inclúe o PP, e por se andan argallando outra nota de prensa ao respecto, tamén lle avanzo que temos previsto convocar o Consello da Muller Nova. Non comprendo moi ben esta teima que teñen de pedir cousas que xa están feitas ou en marcha", dixo Yoya Blanco.
Blanco agradeceulles aos 'populares' que "nos lembren o espírito, propósito e importancia do funcionamento do Consello da Muller e do movemento feminista, posto que seguro que a concelleira de Igualdade e as traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM) non nos atopabamos ao día na materia e precisabamos un toque de atención tan revelador como este".
"Mellor farían aínda -sinalou a edil do PSOE- en convencer a algúns membros do seu partido de que abracen dunha vez a axenda do feminismo, suban ao tren do século XXI e deixen de flirtear cos sectores e partidos que seguen a xustificar o terrorismo machista. A posición da Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra neste eido é moi firme, e poderán comprobalo na campaña do 25N".