O contido deste cartel orixina unha nova protesta en Moraña contra a falta de persoal no Centro de Saúde

Umia
02 de agosto 2022

O anuncio reflicte que o Centro de Saúde de Moraña só contará cun médico e, por tanto, só van atenderse emerxencias do 1 ao 8 e do 22 ao 30 de agosto. BNG e PSdeG convoca ante esta medida unha concentración cidadá este mércores 3 de agosto a partir das 21.00 horas ante o edificio sanitario

Centro de Saúde de Moraña
Centro de Saúde de Moraña / PSdeG de Moraña

Un cartel alerta aos pacientes de que o Centro de Saúde de Moraña quedará cun só médico para todo o municipio entre o 1 e o 8 de agosto, e do 22 ao 30 deste mesmo mes. Durante estas semanas, só van atenderse emerxencias no centro sanitario.

Esta situación provocou o malestar cidadán e o BNG e o PSdeG de Moraña consideran que se trata dun "recorte inasumible e intolerable". Sinalan que é un "exemplo máis dos malos tratos sistemáticos ao que o Partido Popular somete a un servizo público básico e esencial como é o centro de saúde para as veciñas e veciños de Moraña".

Por este motivo convocaron unha concentración veciñal. Será diante o Centro de Saúde, situado en Santa Lucía, a partir das 21.00 horas deste mércores 3 de agosto. Trátase da terceira protesta en menos dun ano en defensa da sanidade pública na vila. Ao acto acudirán Marcos Suárez, portavoz do BNG, e Xoel Souto, portavoz do PSdeG Moraña.