O contrato da auga, paralizado polo recurso presentado por unha empresa

Pontevedra
03 de agosto 2018

O proceso de adxudicación do novo contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra quedou paralizado. Esta medida, adoptada polo Tribunal de Contratación Pública de Galicia, tómase a instancias do recurso presentado por unha das empresas licitantes, Aqualia

Tarefas de limpeza de rede de sumidoiros en Pontevedra
Tarefas de limpeza de rede de sumidoiros en Pontevedra / Cristina Saiz

O proceso de adxudicación do novo contrato do servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra quedou paralizado.

Esta medida, adoptada polo Tribunal de Contratación Pública de Galicia, tómase a instancias do recurso presentado por unha das empresas licitantes, Aqualia.

A súa oferta, segundo transcendeu no seu día, foi cuestionada polo informe técnico ao entender que non incluía unha serie de melloras que se consideraban como obrigatorias no prego de condicións, o que lastrou as súas posibilidades de facerse con este suculento contrato.

Aqualia recorreu a adxudicación do contrato á empresa Viaqua, actual concesionaria, que foi a compañía proposta pola mesa de contratación para xestionar este servizo durante o próximos vinte anos, por un prezo global de 110 millóns de euros.

A resolución do Tribunal de Contratación Pública de Galicia, á que tivo acceso PontevedraViva, conclúe que tras analizar as alegacións presentadas queda suspendida a adxudicación impugnada.

Esta suspensión manterase ata que o tribunal dite unha resolución sobre o recurso presentado por Aqualia.

Contra esta decisión, advirte o organismo, non cabe recurso algún.

Arquivado en