O convenio colectivo do persoal do Concello de Sanxenxo leva bloqueado tres meses

Sanxenxo
15 de febreiro 2018

Comisiones Obreras alerta o goberno local de Telmo Martín de que se non se resolve esa situación antes de finais de mes iniciarán un calendario de protestas

Persoal laboral de Sanxenxo con Xosé Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO.
Persoal laboral de Sanxenxo con Xosé Luis García Pedrosa, secretario de organización de CC.OO. / PontevedraViva

Hai tres meses que se asinou o acordo regulador e o convenio colectivo do persoal do Concello de Sanxenxo que afecta a preto de 250 traballadores. Con todo, este acordo segue sen levar ao pleno para a súa aprobación definitiva, segundo denunciaban este xoves representantes de Comisións Obreiras, co secretario de organización, Xosé Luís García Pedrosa, afirmando que o secretario municipal mantén bloqueado o procedemento. 

García Pedrosa afirma que en Sanxenxo están a producirse situacións inxustas que veñen de anos atrás e ás que o goberno de Telmo Martín non está a buscar remedio. Por este motivo, os representantes de Comisións Obreiras poñen de prazo ata o 28 de febreiro para que se resolva esta situación. Se non se producen, anuncian o inicio dun calendario de mobilizacións.

Sinalan que, por exemplo, aos axentes da policía Local de Sanxenxo que este verán reforzaron o servizo en días festivos e fins de semana aínda non cobraron o diñeiro que lles corresponde por esa actividade especial, que permitiu ofrecer uns bos resultados en canto á seguridade cidadá durante a movida nocturna na vila turística. Sinalan que a cifra ascende a 15.000 euros, unha cantidade inferior aos ao redor de 20.000 euros que custaba a seguridade privada contratada en anos anteriores. 

Os afectados consideran que a falta da aprobación do acordo en pleno é un capricho político e unha falta de respeto, ademais lamentan que tras alcanzar un consenso, o goberno local non o execute mantendo aos traballadores nunha situación de parálise.