O coronel jefe da Garda Civil reafirma ante Carmela Silva o compromiso contra a violencia machista

Pontevedra
23 de xaneiro 2018

Jorge González Veiga mantiña este martes a súa primeira entrevista oficial cun encontro coa presidenta da Deputación Provincial, que garantiu a colaboración da institución provincial en todo o que precisen desde o instituto armado

Carmela Silva, Jorge González e Carlos Font na Deputación
Carmela Silva, Jorge González e Carlos Font na Deputación / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, mantiña un encontro co novo coronel jefe da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Jorge González Veiga. Trátase da primeira entrevista oficial tras o seu nomeamento.

A Deputación e a Garda Civil asinaron nos últimos anos dous convenios para reformar as instalacións da comandancia de Pontevedra e para a rehabilitación das instalacións das oficinas do cuartel de Cambados. Jorge González agradeceu o recoñecemento que Carmela Silva ten do corpo da Garda Civil e ambos trataron durante o encontro o tema da violencia machista.

O coronel xefe indicou que esa lacra social non só se pode combater con medidas policiais senón tamén con educación. O mando da Garda Civil indicaba que sempre que se recolle unha denuncia por violencia de xénero fan o maior esforzo posible pero recoñeceu que "os medios humanos son escasos e se nos exixe un esforzo que as veces non podemos chegar a acometer todas as medidas preventivas". 

APOIO Á PLATAFORMA SOS SANIDADE

A presidenta da Deputación tamén mantivo un encontro con integrantes da Plataforma SOS Sanidade e amosou o seu apoio aos actos de protesta que este colectivo organiza para evitar o desmantelamento do sistema sanitario e a reforma da Lei de Saúde. 

Carmela Silva pide aos cidadáns que se manifesten para que "unha marea humana lle diga a Feijóo que non consentiremos que dinamite o sistema público da sanidade para convertelo nun negocio".

Este mércores 24 ás 20.30 horas está prevista unha concentración na praza da Peregrina.