O cupón da ONCE do 10 de outubro estará dedicado á Lama

A Lama
23 de setembro 2018

O billete está incluído na serie de "Localidades con nome singular" que desenvolve a Organización Nacional de Cegos dentro do seu sistema de sorteos e apostas

Cupón da Once coa imaxen da Lama
Cupón da Once coa imaxen da Lama / ONCE

O alcalde da Lama, Jorge Canda, deu a coñecer oficialmente durante a II Xuntanza na Honra de Manuel Barreiro Cabanelas, Conde Cabanelas, que organiza a Asociación de Veciños de Laxedo, a decisión da Organización Nacional de Cegos de España (ONCE) de dedicar o seu cupón do sorteo do día 10 de outubro a este municipio.

Será coa inclusión, como imaxe promocional, da praza de Covelo onde está situada a estatua do insigne filántropo lamense.

A ONCE aceptou incluír na súa colección denominada "Localidades con nome singular" ao municipio da Lama centrando o seu aspecto na coñecida praza da parroquia de Covelo onde figura instalada a estatua en honra ao insigne filántropo Manuel Barreiro Cabanelas, Conde Cabanelas.

O rexedor manifestou a súa satisfacción pola decisión da ONCE e comentou a curiosidade da noticia pois Manuel Barreiro Cabanelas, un dos homes máis ricos do mundo no seu tempo, fixo a súa fortuna mercé ao seu enxeño, traballo e imaxinación valéndose dun xogo de azar, o popularmente coñecido como "O Bicho" que tanto deu que falar a principios do século XX en Brasil, país ao que emigrou de moi novo.