O demandado muro de peche do colexio de Tenorio xa está en marcha

Cerdedo Cotobade
05 de agosto 2016

Un novo muro de peche no colexio de Tenorio e a renovación da cuberta do patio e a construcción do novo depósito de gasóleo no CEIP de Carballedo centran este verán as obras de mellora postas en marcha pola Consellería de Educación nos centros educativos públicos de Cotobade aproveitando as vacacións, e que contan cun orzamento global de 152.000 euros

Jorge Cubela e César Pérez Ares supervisan as obras no colexio de Tenorio
Jorge Cubela e César Pérez Ares supervisan as obras no colexio de Tenorio / Concello de Cotobade

Un novo muro de peche no colexio de Tenorio e a renovación da cuberta do patio e a construcción do novo depósito de gasóleo no CEIP de Carballedo centran este verán as obras de mellora postas en marcha pola Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria nos centros educativos públicos de Cotobade aproveitando as vacacións estivais, e que contan cun orzamento global de 152.000 euros.

As obras xa empezaron e esta semana supervisáronas os técnicos da Consellería de Educación acompañados polo alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, e o xefe territorial, César Pérez Ares, segundo a información difundida polo Concello. Está previsto que estean rematadas para o inicio do curso escolar 2016-2017.

O patio do colexio de Carballedo é un recinto rectangular de catro augas que conta na actualidade cunha chapa moi deteriorada que provoca que haxa pingueiras e charcos, de modo que as obras que se acometerán este verán están encamiñadas á substitución da cuberta. Vaise retirar a cuberta actual para cambiala por un novo panel e instalar novos canalóns e unha lámina impermeabilizante.

Ademais, neste centro educativo habilitarase este verán un novo depósito de gasóleo e renovarase o sistema de saneamento, todo a través dunha mesma actuación que contempla un investimento global da Consellería de Educación duns 55.000 euros.

No colexio de Tenorio xa está a realizar unha obra moi demandada pola comunidade educativa que o PSOE mesmo levou ao Parlamento de Galicia, a construción dun novo muro de contención co que se pretenden solucionar as actuais deficiencias.

As deficiencias están na zona do patio que linda coa estrada que leva ao instituto e coa vía nacional N-541 e, para subsanalas, vaise desmontar o valado afectado e construirase un muro de peche en pedra do país. A actuación, que conta cun orzamento global de máis de 57.000 euros, completarase coa dotación dunha canle de evacuación de augas, a substitución dos valos que estean deterioradas e o pintado completo do peche do patio.

O colexio de Tenorio tamén verá mellorado todo o seu sistema de fontanería, xa que está previsto que nos vindeiros días se proceda á licitación desta actuación, á que se destinará un investimento de 40.000 euros.