A conmemoración do Día da Galiza Mártir, este xoves 17 de agosto, volveu sacar á luz unha vella reivindicación de colectivos de memoria histórica e do BNG de Cerdedo-Cotobade, a retirada de simboloxía fascista que aínda se conserva en 35 inmobles e unha rúa de Cerdedo.
O encargado de facer memoria nesta ocasión foi Calros Solla, filólogo, profesor, etnógrafo e escritor que este ano foi recoñecido co Premio Galiza Mártir no acto organizado no monumento a Alexandre Bóveda na Caeira (Poio).
Solla, membro fundador do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende, aproveitou o seu discurso de agradecemento para facer unha solicitude, a título persoal, "pola lexítima potestade que me confire esta distinción", ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, representado no acto polo vicepresidente, Rafa Domínguez.
A petición é que "interceda sabiamente" para que o deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, faga cumprir as leis de Memoria Histórica e Memoria Democrática neste municipio, no que hai 35 inmóbeis que "a día de hoxe aínda exhiben a ilícita e abominábel simboloxía fascista en Cerdedo".
Ademais, lembra que na propia capital cerdedesa, unha rúa lembra o nome de quen foi xefe local de Falanxe e controvertido alcalde franquista e a igrexa parroquial loce mármores nostálxicos, "perpetuando a imaxe dun Deus franquista e inmisericorde".
Na súa petición, Solla demanda ao presidente da Deputación que, se é necesario, faga unha achega económica ao goberno de Cerdedo-Cotobade para que "definitivamente e como é de lei" se erradique "esta anomalía".
"87 anos despois, seguimos en débeda coas vítimas do franquismo e cos súas familias", lembrou Solla, que engadiu que "verdade, xustiza e reparación son as poderosas razóns que vertebran este 17 de agosto e que aquí hoxe nos convocan".
O homenaxeado tamén aproveitou o seu discurso para facer unha petición ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, presente no acto. A título persoal, pediulle que "aconselle ben" ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para, na medida das posibilidades de todos, "sexamos quen de manter a Galiza afastada das poutas do fascismo reorganizado, ao socairo dos que enaltecen o golpe de Estado do 36 e a ditadura".