O DOG publica a relación de afectados pola nova glorieta en Santo André de Xeve

Pontevedra
09 de agosto 2021

Na zona frontal do colexio habilitarase un carril exprés para que os alumnos baixen do coche e accedan ao centro de xeito seguro

CEIP de Santo André de Xeve
CEIP de Santo André de Xeve

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) o Decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada PO-224, en Santo André de Xeve.

Trátase das expropiacións para a construción dunha nova glorieta na súa intersección coa estrada PO-223 e a mellora da mobilidade peonil en toda a súa contorna.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación rolda os 935.000 euros, nos que se inclúe o pagamento dos 15 predios necesarios para a súa execución.

O obxectivo é desenvolver distintas actuacións nesta estrada para reforzar a seguridade viaria na entorna do centro escolar CEIP Santo André de Xeve.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento das actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de doce meses.

A intervención prevé, ademais, habilitar un itinerario peonil e ciclista de 400 metros que permita conectar o núcleo de Sobral co colexio Santo André de Xeve.

Tamén se procederá á reordenación e ampliación de zonas de aparcadoiro na entorna do CEIP, que disporá de 27 prazas en batería, ampliarase a zona de aparcadoiro de buses actual e incorporaranse 18 prazas para profesores e empregados do centro educativo. Na zona frontal do CEIP, habilitarase un carril exprés, o coñecido como "kiss and ride" existente nos aeroportos, que estará deseñado para que os alumnos baixen do coche e poidan acceder ao centro de xeito seguro sen a compañía dos seus pais.

As actuacións proxectadas están recollidas na colaboración asinada entre a Xunta e Stop Accidentes, convenio que conta cunha achega autonómica de 95.000 euros para o fomento da cultura da seguridade viaria. A intervención autorizada este luns polo Executivo autonómico parte así das accións impulsadas no marco dun proxecto piloto da citada asociación, dirixido a facilitar desprazamentos máis seguros en contornas rurais e contou coa implicación da comunidade escolar.

Esta intervención desenvolverase de xeito coordinado co proxecto de execución da nova senda na estrada autonómica PO-223, de 2 quilómetros de lonxitude, que configurará un percorrido continuo entre os núcleos do Couso e Sobral, atravesando o polígono industrial e o CEIP.