O 'Encontro' entre Cristo coa Cruz ao lombo e a Virxe abre o Venres Santo pontevedrés

Pontevedra
15 de abril 2022

Sol e temperatura agradable acompañaron a primeira cita do Venres Santo, a procesión do 'Encontro'. A imaxe de Cristo coa Cruz ao lombo e a da Virxe saíron de forma simultánea ás 9.30 horas de Santa María e San Bartolomé e atopáronse na praza do  Teucro​

Procesión do Encontro 2022 desde San Bartolomé e Santa María
Procesión do Encontro 2022 desde San Bartolomé e Santa María / Mónica Patxot

O Venres Santo comezou en Pontevedra sen rastro da choiva que augou o inicio da semana e mesmo o martes obrigou a suspender a procesión de Jesús  Nazareno e María Santísima da Esperanza. Sol, ceos despexados e temperatura agradable acompañaron a primeira cita relixiosa da xornada, a procesión do 'Encontro' que, tras saír de Santa María e San Bartolomé, xuntou os fieis na praza do Teucro. 

A cita, preludio da habitualmente multitudinaria procesión do Santo Enterro que a partir das 20.00 horas saca á rúa a miles de persoas, resultou tamén moi concorrida a pesar do madrugador da convocatoria, con decena de fieis seguindo o percorrido

A imaxe de Cristo coa Cruz ao lombo e a da Virxe saíron de forma simultánea ás 9.30 horas da Basílica de Santa María e a igrexa de San Bartolomé, respectivamente. 

A comitiva que acompañou ao Cristo coa Cruz ao lombo e a da Virxe, formada por mulleres, avanzaron acompañando ás dúas imaxes polo centro histórico ata atoparse na praza do  Teucro, onde se realizou o sermón, dentro do  Viacrucis  Penitencial.  

Este Venres Santo a programación organizada pola Coordinadora da Semana Santa de Pontevedra tamén inclúe Viacrucis en San José e Virxe do Camiño ás 12.00 e en San Francisco ás 19.00 horas e Oración de Vésperas e Rito do Desencravo na Basílica de Santa María ás 18.30 horas.

Ademais, hai oficios ás 12.30 horas na basílica de Santa María; ás 17.00 en San Francisco, San Bartolomé e Santiago Peregrino do Burgo; ás 18.00 en Virxe do Camiño e San José; ás 18.30 no santuario da Peregrina; e ás 19.00 no Bo Pastor de Monte Porreiro. Xa ás 20.00 horas será a procesión do Santo Enterro.

A programación da Semana Santa pontevedresa continúa durante a fin de semana. O Sábado Santo ás 20.00 horas comezarán as Vixilias  Pascuais nos templos pontevedreses.  Ás 20.00 horas será en Virxe do Camiño; ás 20.30, en San Bartolomé e Santiago Peregrino do Burgo; ás 21.00, en San Francisco; ás 22.00, en San José e a basílica de Santa María; e ás 22.30, no Bo Pastor de Monte Porreiro.

O Domingo de Resurrección o colofón será, ás 20.00 horas, a procesión do Encontro de Jesús Resucitado coa súa nai a Virxe María. O encontro levará a cabo na praza da Ferrería.