O encoro de Pontillón do Castro inicia o verán cun 92,2% de reserva de auga

Pontevedra
27 de xuño 2021

A captación de auga trasladouse o pasado 5 de xuño á estación de bombeo do río Lérez, en Monte Porreiro, tras a posta en marcha de catro novas  electrobombas de succión

Colocación de catro novas electrobombas na estación de bombeo de Monte Porreiro Concello de Pontevedra

Desde o pasado 5 de xuño o encoro de Pontillón  do Castro, en Verducido, quedou pechado como reserva hidráulica para os meses de verán, trasladándose a captación á estación de bombeo de auga potable de Monte Porreiro, directamente sobre o río Lérez.

Segundo informa o Concello o encoro pontevedrés inicia os meses de verán cun 92,2% da súa capacidade, nun verán ademais que se prevé cálido e seco.

Pola súa banda o río Lérez entra na estación estival cun caudal importante en comparación con anos anteriores, debido ás choivas do mes de xuño. Tanto é así que o volume de auga é máis do dobre do rexistrado no últimos catro anos nas mesmas datas.

En canto á estación de bombeo, a captación redirixiuse a ela unha vez finalizados os traballos de colocación de catro novas electrobombas de succión, unha actuación levada a cabo pola empresa concesionaria Viaqua cun investimento que superou os 850.000 euros.

Dous das seis bombas da estación foron renovadas no seu momento por Acuaes, e agora acometeuse a substitución das catro restantes ao tratarse de equipos con case 40 anos de uso.