O ensanche dun camiño en Santa María de Sacos facilitará o acceso de vehículos a 70 vivendas

Cerdedo Cotobade
27 de xullo 2021

O Concello de Cerdedo-Cotobade inviste 46.000 euros nunha obra que estará finalizada no mes de agosto e que se fará realidade grazas á colaboración veciñal á hora de ceder os terreos necesarios para acometer o proxecto

Ampliación do Camiño Quinteiriño, en Santa María de Sacos
Ampliación do Camiño Quinteiriño, en Santa María de Sacos / Concello de Cerdedo-Cotobade

As obras de ensanche do Camiño do Quinteiriño, na parroquia cotobadesa de Santa María de Sacos, avanzan a toda velocidade. O goberno local inviste 46.000 euros nun proxecto que permitirá ampliar o vial entre 4 e 4,5 metros ao longo dun trazado de 400 metros que permitirá mellorar o acceso a 70 vivendas e que é posible pola colaboración veciñal, que cederon os terreos necesarios para poder facer realidade a obra. 

No Concello estiman que os traballos queden rematados ao longo do mes de agosto, posto que o retranqueo de muros, a apertura do acceso e os movementos de terra necesarios xa se executaron. Esta intervención compleméntase coa colocación de novas canalizacións para o abastecemento de auga e a rede de sumidoiros. 

Destacan no goberno local que a poboación xa manifestou a súa satisfacción tanto pola mellora da accesibilidade como pola nova imaxe que ofrecerá este camiño.

"Grazas á xenerosidade dos veciños imos poder ampliar 4 metros o camiño e favorecer que unhas 70 casas poidan ter un acceso rodado axeitado para que poidan chegar ata elas os vehículos de emerxencias e mesmo unha ambulancia que antes tiñan moi dificultado o seu paso. Ademais cos novos muros de mampostería rehabilítase a imaxe dun entorno rural que está sendo motivo de satisfación polos propios veciños", declarou o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.