O Entroido celebrarase en Bueu con actividades reducidas e sen enterros

Bueu
04 de febreiro 2022

A concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, mantivo estas últimas semanas reunións con diversas asociacións e comparsas, tras as que se acordou organizar actuacións de pequeno formato e obradoiros para a cativada

Xuntanza para organizar o Entroido de Bueu
Xuntanza para organizar o Entroido de Bueu / Concello de Bueu

O Entroido de Bueu non se celebrará este ano como é habitual, pero o Concello de Bueu, en colaboración coas comparsas da vila e diversas asociacións, organizará actividades de pequeno formato e ao aire libre nas tres parroquias, co obxectivo de ofrecer unha alternativa de lecer para a cidadanía. 

A concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, como encargada da organización, reuniuse estas últimas semanas cos colectivos que participan habitualmente nesta festa, polo que se acordou suspender os tradicionais desfiles do Enterriño da Sardiña e do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.

Así, propoñeranse actividades reducidas e adaptadas á actual situación sanitaria da covid-19, como actuacións das comparsas en localizacións das tres parroquias en horarios de mañá e de tarde, que se irán anunciando nos próximos días.

A edil encargada da organización salienta que "ao igual que o ano pasado, debemos actuar con cautela e por iso non podemos celebrar o Entroido como era habitual en Bueu, aínda que acordamos organizar eventos máis pequenos e ao aire libre, tal e como recomendan as autoridades sanitarias", porque "todos coincidimos en que a cidadanía necesita un pouco da ledicia do Entroido". 

Así, o Concello ten previsto instalar unha carpa nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas, entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo, na que se programarán as actuacións das comparsas no casco urbano, así como obradoiros para a cativada con actividades e xogos relacionados co Entroido.

A iso sumaranse actuacións en lugares como a contorna da Morada, na aldea de Meiro, o Adro de Cela ou o Parque Joe Novas en Beluso.

Ás reunións asistiron representantes das comparsas da vila ademais doutros colectivos culturais e deportivos que habitualmente participan neste evento. Así mesmo, dende o consistorio contactouse coas Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (ANPAS).