O Entroido de Marín centrará as súas actividades o domingo no parque Eguren

Marín
25 de febreiro 2022

A festa infantil está prevista para esta xornada dominical entre as 17.30 e as 19 horas

Visita de alumnos á exposición sobre o Entroido de Galicia no Museo Torres
Visita de alumnos á exposición sobre o Entroido de Galicia no Museo Torres /

O espírito do Entroido invadirá Marín sobre todo na xornada do domingo, aínda que de xeito descafeinado pola situación tráxica que aínda atravesa á vila marinense, que xa ten en marcha algunhas actividades festivas.

Por unha banda, desde o día 20 pódese visitar a Exposición do Entroido Galego no Museo Manuel Torres, organizada pola Asociación Cultural Tregha e o Concello de Marín. Ata alí se desprazou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, que acompañou a un grupo de escolares do Colexio La Inmaculada, que se vestiron de peliqueiros, aproveitando que a temática da mostra céntrase no Entroido tradicional ourensán.

Os pequenos da Inmaculada non son os únicos que desfrutaron estes días da exposición. Tamén a visitaron os do CEIP da Laxe, que descubriron moito sobre o Castrón ou os propios Peliqueiros, figuras que forman parte da tradición galega aínda que aquí non as teñamos.

Tamén hoxe foi o turno de saída da Burra do Entroido de Seixo, que saiu ata a Praza de Abastos, onde estará ata o 4 de marzo, da man do Grupo Cultural Ronsel.

No que respecta ás decoracións do Palco da Música e do Parque Eguren, correron a cargo das comparsas Os da Caña e Paparrulos. No Eguren terá lugar a Festa Infantil, con animación e obradoiros de tatuaxes, máscaras, cociña e arte. Será o domingo, 27, de 17.00 a 19.30 horas. Poderase trasladar ao Multiusos da Praza de Abastos en caso de choiva.

Por outra banda, o domingo 6 de marzo haberá degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area na Alameda a partir das 12.00 horas. Tamén  haberá animación das Charangas Noroeste e Os Jalácticos polas rúas de Marín e coa Batucada Maracumbé Bloco, con obradoiros de baile e maquillaxe, na Alameda.