Co obxectivo de captar clientes para os comercios da zona, o Concello de Pontevedra e a Deputación impulsan un proxecto de dinamización chamado Nova Terra, que este mércores foi presentado en rolda de prensa e que afectará o entroncamento das rúas Peregrina, Daniel de la Sota, García Camba e os seus adxacentes como Castelao ou Frei Juan de Navarrete.
A técnica en escaparatismo Cany Juncal Ave, explicou que a idea é "promocionar y ayudar a los comerciantes de la zona" con consellos e asesorías sobre escaparatismo, e por outra banda "vamos a hacer una ambientación en la calle" baseándose "en el nuevo estilo de vida de los clientes" con "decoraciones sostenibles" na rúa mediante propostas que sexan "muy cosmopolitas y muy europeas" e que fomenten a "vida sana y el ecologismo".
Cany Juncal indicou que para "animar" á cidadanía a que compre nos comercios locais faranse concursos nas redes sociais premiando con 100 euros aquelas publicacións que teñan maior repercusión.
Ademais entregarán xogos aos clientes e organizaranse talleres de ioga, de fabricación de cremas cosméticas, de cultivo ecolóxico e, para os máis pequenos, de cociña saudable e de monicreques con materiais de refugallo.
Estaba prevista tamén a celebración dun concerto, pero quedou cancelado pola evolución da pandemia.
Por agora son 20 os comercios interesados en participar.
O proxecto empezará o día 13 de novembro e durará 10 días.
O deputado Carlos López Font e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco participaron nesta presentación dun proxecto que está incluído no convenio de colaboración asinado pola Deputación e o Concello de Pontevedra.
Yoya Blanco dixo que este proxecto pretende "encender una llama de creatividad, esperanza y solidaridad en estas fechas tan especiales".
Pola súa banda, o deputado Carlos López Font mostrouse moi satisfeito polo feito de que a colaboración entre administracións permita facer este tipo de iniciativas e lembrou que os concellos e as deputacións son "las primeras administraciones" ás que a cidadanía pode acudir nunha situación como a que estamos a vivir e instou "a todo el mundo a colaborar para que el comercio local se mantenga y salga adelante".