O espectáculo de teatro e danza "Habitarme" chega a Bueu e Cambados

Pontevedra
01 de xuño 2023

A Deputación e a Fundación Igualarche levan a cinco concellos da provincia un espectáculo de danza e teatro interpretado por persoas con diversidade funcional  

Fragmento do cartel da obra de teatro e danza "Habitarme"
Fragmento do cartel da obra de teatro e danza "Habitarme"

A Deputación de Pontevedra e a Fundación Igualarte, que desde o ano 2002 traballa para que as persoas con diversidade funcional poidan expresarse de maneira artística, levarán o espectáculo de danza e teatro “HabitarMe” neste mes de xuño a cinco concellos da provincia.

A peza estará interpretada polas persoas da entidade que integran Al Lío, a compañía teatral ao abeiro da fundación, e a xira desenvolverase do 10 ao 25 de xuño polos concellos de Bueu, Cambados, Salceda de Caselas, Gondomar e Redondela. 

Al Lío é unha compañía de teatro, danza e expresión corporal que cuestiona a relación entre o corpo e a mente a través de historias da vida cotiá dende unha perspectiva feminista. Neste proxecto as súas integrantes interpretan “HabitarMe”, unha peza de danza-teatro que trata sobre mulleres diversas que optan por moverse da seguridade do preestablecido porque descobren que hai outras formas que as definen.

A obra fala da dialéctica do non parar, non pensar, non sentir e de súpeto un crack, unha pausa, un alento máis longo do habitual, onde nacen as ganas. Dirixida por María Romano, a peza será interpretada por Helena Cuber, Eva García, Vanesa Lea e Carmen Gómez.

“HabitarMe”, con entrada libre ata completar o aforo, arrancará o sábado 10 de xuño no Centro Social do Mar de Bueu, onde o espectáculo comezará ás 21.30 horas. Ao día seguinte, o domingo 11, chegará a Cambados coa función no Auditorio Municipal ás 20.00 horas.