A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías mantivo esta luns unha xuntanza co presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia, Francisco Penas, para presentarlle o proxecto de reordenación da parcela de Tafisa na que o Concello ten previsto habilitar un estacionamento de autocaravanas, que tentará estar operativo no verán.
Na parcela disporán de 18 prazas de estacionamento e tamén espazos de servizo para facer a loxística (coller augas limpas e retirar augas suxas). A parcela completarase cunha zona arbolada.
Anabel Gulías tamén explicou que haberá un sistema de control da zona de estacionamento que se fará a través do Ollomóbil e, dacordo coa Policía Local, autorizarase o estacionamento un máximo de 72 horas mensuais.
O presidente da Asociación de Autocaravanas de Galicia amosouse moi satisfeito pola reordenación dos espazos e polas propostas presentadas polo Concello.