O Estadio Municipal de San Pedro contará con novo céspede sintético

Marín
24 de outubro 2020

Segundo informa o Concello de Marín o orzamento que se destinará á execución deste proxecto será de 430.455,07 euros

Traballos de mantemento no Estadio Municipal de San Pedro
Traballos de mantemento no Estadio Municipal de San Pedro /

O Concello de Marín avanzou que nos próximos días licitará as obras de remodelación do Estadio Municipal de San Pedro.

En concreto está previsto acometer a renovación do terreo de xogo de céspede sintético, instalando un novo tapete de última xeración despois dunha década de uso do actual.

Segundo sinala o goberno local, as dimensións do terreo destinado á práctica do fútbol sufrirán unha leve redución para adaptarse ás distancias das renovadas pistas de atletismo, aínda que seguirá permitindo xogar tanto ao fútbol once como contar con dous terreos de fútbol 7 ao ancho.

En canto ao equipamento a novidade será que as porterías de fútbol 7 serán pregables, con recollida na varanda, e mellorarase o sistema de rega con novos canóns de aspersión.

Dentro do proxecto está incluída a demolición da bancada descuberta, que pasará a ser parte do céspede de tal maneira que este terreo gañado poida ser destinado ao quecemento para os diferentes deportes.

O orzamento que se destinará á execución das obras será de 430.455,07 euros (IVE incluído).