O estado de abandono das escaleiras de Santa María terá pronta solución

Pontevedra
07 de agosto 2021

Nos últimos dís artellouse un debate nas redes sociais polo estado de deixamento das escaleiras da fachada principal da Basílica de Santa María, que se dividía entre os que pedían responsabilidades á Igrexa e os que chamaban pola Concellería de Limpeza. Curiosamente, nin á institución relixiosa nin ao departamento municipal lles compete esta tarefa. Explicámolo

Vexetación asomando nas escaleiras que baixan da Basílica de Santa María á rúa Arzebispo Malvar
Vexetación asomando nas escaleiras que baixan da Basílica de Santa María á rúa Arzebispo Malvar / Mónica Patxot

Nos últimos días, o estado de deterioración das escaleiras da Basílica de Santa María foi motivo de amplos debates nas redes socias, un foro que desde que comezou a pandemia da COVID concita os faladoiros máis participados.

A escalinata conecta a fachada principal da Basílica de Santa María coa rúa Arcebispo Malvar, polo que ademais de ser unha concorrida zona de paso, especialmente nesta tempada de verán de alto volume de visitantes, é unha estampa que causa un grande impacto visual.

Unha das publicacións acompáñase do texto "Lamentable estado el que ofrece la Iglesia de Santa María de Pontevedra" e varias fotos ilustrativas. Outro dos post que aluden á situación de abandono das escaleiras achega tamén fotografías e maniféstase nos seguintes termos: "Una vergüenza en pleno centro de Pontevedra y en pleno verano y muchos turistas que recorren la zona y se encuentran con esta mierda".

Ambas publicacións deron pé a numerosos comentarios de indignación que se dividían entre os que achacaban a responsabilidade do mantemento da zona á Igrexa e os que reclamaban unha actuación desde a Concellería de Limpeza. Curiosamente, nin á institución relixiosa nin ao departamento municipal lles compete esta tarefa, como puidemos constatar.

QUEN É RESPONSABLE DA ESCALINATA DE SANTA MARÍA?

Trasladamos esta inquedanza ata o Concello de Pontevedra, para aclarar que organismo é o encargado de manter en condicións esta parte do patrimonio da cidade e se hai un plan para acometer a limpeza desta zona.

Fontes municipais indican que a contorna da Basílica de Santa María, onde se inclúe tanto esta escaleira como o Campiño de Santa María e os restos medievais do pano da muralla, son responsabilidade do Concello de Pontevedra.

Precisamente, na última semana do mes de xullo comezaron os traballos para acondicionar toda a zona, uns labores que se fan dun xeito periódico. A anterior referencia é do mes de decembro de 2020.

Segundo informan desde o Concello, e puidemos constatar no lugar, é que xa rematou a limpeza dos restos arqueolóxicos e practicamente está finalizada a parte dos xardíns do Campiño de Santa María. A seguinte actuación confirman que será sobre a escalinata. A previsión é que sexa en breve, aínda sen poder adiantar unha data xa que os prazos estarán en función de como vaian avanzando os traballadores.

A limpeza desta contorna senlleira indican que se organiza en zonas máis delicadas e que precisan de maior tempo na súa execución, como os restos arqueolóxicos, e outras máis rutineiras, como os xardíns. Para as escaleiras e o muro perimetral engádese a problemática do laborioso arrincado das herbas que afloran entre as pedras e a roza en altura das pólas que asoman polas paredes.

Todas estas particularidades provocan que estes traballos se repartan entre dúas concellerías: a de Patrimonio e a de Xardíns.