Pontevedra comeza a prepararse para celebrar, a partir do mércores 28 de xuño, o campionato de Europa de piragüismo maratón. A organización empezou a montar as instalacións que acollerán esta importante proba deportiva que traerá á cidade do Lérez a miles de deportistas durante toda a semana.
A proba deportiva celebrarase nun circuíto de 3.600 metros, entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras (Monte Porreiro). Todo o percorrido será sinalizado para que quede perfectamente identificado para deportistas e espectadores.
No Centro de Tecnificación Deportiva (CGTD) os participantes poderán usar os vestiarios, ximnasios ou a piscina e nel estará tamén situada a oficina do control antidoping, mentres que no Pazo da Cultura situaranse as oficinas técnicas.
Ademais, a avenida de Buenos Aires e os antigos terreos de Tafisa acollerán a denominada área pre-deportiva. Alí habilitarase unha zona exclusiva para os deportistas con hangares de almacenamento de piraguas distribuídos por países, zonas comúns, baños, áreas de servizos de restauración e bebidas, fisioterapia e masaxes.
Tamén haberá unha zona comercial na que se situarán todos os expositores que estarán nos campionatos -fabricantes de barcos, pas, roupa e complementos deportivos- e unha zona village, reservada para as comidas de servizo de catering e área de lecer.
Segundo explica a organización haberá 36 canles wifi repartidos por todas as instalacións, adecuadas ás diferentes necesidades das casetas, os xuíces, a prensa e o público.
DISPOSITIVO DE TRÁFICO
A Policía Local, para este campionato, deseñou un operativo especial de tráfico. A partir deste domingo 26 de xuño cortarase ao tráfico a avenida de Buenos Aires, entre a ponte dos Tirantes e Monte Porreiro. A circulación restablecerase cando finalice o Europeo e se desmonte toda a loxística, o luns 4 de xullo.
Mentres tanto, os accesos a Monte Porreiro realizaranse desde Lérez pola ponte das Palabras ou ben pola Avenida de Lugo ou A Seca.