O Executivo sanxenxino solicita ao xulgado que anule a concesión ao Náutico para os seus pantaláns

Sanxenxo
15 de outubro 2013

O Concello de Sanxenxo xa requirira por vía administrativa a revogación de seis resolucións de Portos de Galicia, sen obter resposta

O Concello de Sanxenxo anunciou ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela a presentación dun recurso solicitando a anulación de seis resolucións de Portos de Galicia relacionadas co expediente de concesión ao Real Club Náutico de Sanxenxo de ocupación de dominio público portuario no equipamento municipal para a construción e explotación de instalacións náutico recreativas.

Así resolveuno a alcaldesa unha vez que culminou o prazo establecido para que o ente público contestase ao requirimento realizado no mesmo sentido o pasado 16 de xullo pola Administración sanxenxina e do que non obtivo resposta.

O Executivo municipal pretende, pois, que os tribunais revoguen as condicións e a concesión ao Real Club Náutico, a aprobación do proxecto técnico construtivo e da acta de reformulación, así como a posterior modificación da concesión a esta entidade privada para a instalación de peiraos no porto deportivo Juan Carlos I, do que é propietario o Concello de Sanxenxo.

Os argumentos que a Administración local defenderá para que esta actuación non frutifique susténtanse no feito de que a pretensión do Náutico vulnera tanto o Plan Especial de Ordenación deste equipamento coma o seu Plan de Utilización, que foi aprobado por Portos de Galicia.

Á súa vez, o Goberno insiste en que esta autorización contravén as directrices establecidas no Plan de Ordenación do Litoral, no que a praia urbana Dos barcos está clasificada como zona de protección intermareal na que, polo tanto, non está permitido un uso construtivo.

Por este motivo, a colocación de estacas sobre o areal, que soportarán a plataforma de acceso que unirá o peirao e os embarcadoiros, está prohibida, dada a cualificación que o POL outorga a ese espazo.

Dende o Concello de Sanxenxo apuntan ademais á presión paisaxística que xerará sobre a costa esta infraestrutura dende a auga como outro dos motivos a ter en conta á hora de anular a concesión.

O Executivo rexeita ademais a principal razón exposta polo Real Club Náutico á hora de promover esta construción baseada en que a nova instalación servirá para ordenar uns fondeos irregulares. "Ante esta situación, a iniciativa a emprender por Portos de Galicia debería ser a de eliminalos e non dotalos dunha infraestrutura que permita regularizar unha instalación de tanto impacto", afirmaron os representantes municipais.