Casa Solla de Poio está incluído entre os cinco mellores restaurantes familiares de toda España segundo unha clasificación realizada polo diario británico Financial Times
O rotativo publica un artigo asinado pola xornalista Trish Lorenz co subtítulo "Non podes conseguir unha reserva no Celler de Can Roca? Proba con estes restaurantes familiares con Estrela Michelín" e analiza cada un dos cinco locais catalogados: Portal do Echaurren, do xefe de cociña Francis Paniego; Aponiente, de Anxo León; Solaina, de Ignacio Solana; Casa Gerardo, de Marcos Morán; e Casa Solla.
No caso de Casa Solla, valora o uso de excepcionais materias primas, en moitos casos sostibles, e que traballe con pequenos produtores que provén ao restaurante de carne de vacún, de porco e vexetais de primeira calidade.
Pepe Solla, xefe de cociña de Casa Solla, ten unha estrela Michelín e tres soles Repsol. Pertence ao grupo NOVE, un colectivo de 20 cociñeiros que propoñen reivindicar a modernidade e a vixencia da nova cociña galega.