O FLOP Festival enche de música e bo ambiente o parque dos Gafos

Pontevedra
09 de xullo 2017

Baixo a premisa de música, natureza e liberdade, o parque fluvial do río Gafos acolleu este sábado o festival FLOP, o broche de ouro á intensa programación que Pontevedra dedicou este ano a conmemorar o Orgullo LGTBI

FLOP Festival no parque dos Gafos
FLOP Festival no parque dos Gafos / Diego Torrado

Baixo a premisa de música, natureza e liberdade, o parque fluvial do río Gafos acolleu este sábado o festival FLOP, o broche de ouro á intensa programación que Pontevedra dedicou este ano a conmemorar o Orgullo LGTBI.

Foron doce horas intensas nas que a música, a gastronomía e o bo ambiente déronse a man para celebrar esta festa que, como é habitual, contou tamén coa súa vertente reivindicativa e actividades para todas as idades.

Desde as doce do mediodía, decenas de persoas gozaron da nutrida oferta de DJs locais e internacionais, entre elas a produtora coreana Peggy Gou, unha das selectoras musicais máis activas e demandadas actualmente na escena de clubs a nivel mundial, que fixo as delicias do público.

Os encargados de animar o festival FLOP á primeira hora foron os DJ pontevedreses Moreno Moreno, Chech ou JC e os vigueses Electric Feels. Ademais, tamén puxeron música o dúo galaico-berciano Certain People (Jose González e Manuel Gómez), o nigranés Viktor Flores ou Grobas, un dos DJs e produtores galegos máis recoñecidos.

Fon Kid, responsable do programa de radio e as festas Under the Ball, Dial Combo (trío de DJs formado por Mou, You O e Psychodandy), o madrileño Jackwasfaster e o produtor e DJ asturiano Kresy completaron a vertente musical desta cita festiva.

As doce horas de evento diúrno no Parque dos Gafos tiveron continuidade pola noite, cunha festa de peche que se celebrou no Pazo da Cultura.