O Fondo de Emerxencia Social do Concello de Poio auxiliou a unhas 200 familias no 2022

Poio
27 de decembro 2022

A contía investida para asumir custes de primeira necesidade para veciños sen recursos ascendeu a case 78.000 euros

Persoa sen recursos
Persoa sen recursos / Mónica Patxot

O departamento de Servizos Sociais do Concello de Poio pecha o exercicio 2022 prestando auxilio a unhas 200 familias con menos recursos do municipio a través do Fondo de Emerxencia Social.

Esta é unha liña a través da cal o Concello asume custes de primeira necesidade destes veciños, entre as que se atopan o pago de alugamentos e de facturas da luz, así como na compra e obtención de produtos de primeira necesidade como medicinas. 

Neste ano, o investimento total achegado ascende a preto de 78.000 euros aproximadamente. 

A concelleira de Benestar Social, Rosa Fernández, explica que "é unha contía moi superior á que contemplaba o Orzamento municipal, que fomos modificando e incrementando en función das necesidades das familias".

Neste investimento inclúense os 8.500 euros de axuda que proveñen da Deputación de Pontevedra. Ademais, Fernández fai fincapé en que este ano o Concello tivo que asumir uns custes maiores á hora de mercar alimentos, "debido á supresión da Tarxeta Monedero por parte da Xunta de Galicia". 

"Deses 78.000 euros calculamos que 26.000 os tivemos que derivar a compra de produtos alimenticios, algo que nestes anos anteriores non era necesario, pero agora, ao suprimirse esa axuda desde a Administración autonómica, desde Servizos Sociais nos encargamos de cubrir esta prestación de primeira necesidade", indica.

Con respecto ao Orzamento de 2023, que precisamente lévase neste martes a Pleno para a súa aprobación inicial, a partida destina unha contía para o Fondo de Emerxencia Social que ascende a un total de 61.000 euros. Neste sentido, Rosa Fernández insiste en que esta non ten que ser necesariamente a inversión total cando remate o exercicio. 

"Contamos coa posibilidade de realizar modificacións de crédito e outras tramitacións que nos permiten incrementar esta a contía no caso de que así sexa preciso", incide a responsable de Servizos Sociais. Hai que lembrar que o Orzamento de 2023 destina o 11% (máis de 1,5 millóns de euros) da súa capacidade total a garantir as prestacións deste departamento, que ofrece o servizo o de axuda no fogar e a realización de numerosos programas, iniciativas e actividades.