Ata o próximo 2 de marzo a circulación estará limitada no ámbito que forman as rúas Antón Fraguas, Loureiro Crespo e Gonzalo Gallas. Quedarán cortadas para proceder ao formigonado deste cruzamento, segundo informou o edil de Obras Urbanas, Demetrio Gómez.
A Policía Local creou un dispositivo especial de mobilidade para dar servizo a todos os veciños e veciñas xa que as rúas quedarán pechadas ao tráfico rodado, agás os accesos a garaxes.
Nestas rúas habilitarase dobre sentido de circulación polo que se prohibirá temporalmente o estacionamento.
Os accesos ás urxencias do Hospital, segundo o concelleiro, estarán garantidos a través de Cobián Areal e da Praza do Hospital.
ATRASO NAS OBRAS DA RÚA DA TORRE
Pola contra, as obras de reforma urbana na Rúa da Torre sufrirán un pequeno atraso. O motivo, unha nave situada no número 5 que ameaza con caer se se actúa na zona.
Desde o Concello instaron xa os propietarios para que garanta a seguridade da estrutura. Terán 24 horas para contestar ao requirimento municipal. No caso contrario, será o Concello o que actúe sobre esta parcela e despois reverterá os custos aos seus donos.
O goberno municipal confía en que estes traballos non demoren máis de 15 días a reforma da Rúa da Torre, que tiña previsto comezar mañá.