O GALP organiza en xullo tres sesións de formación para as profesionais do sector do mar

O Salnés
03 de xullo 2020

As sesións serán sobre habilidades dixitais; traballo en equipo e liderado; e comunicación en público. Estas xornadas van desenvolverse no Pazo Vista Real, en Vilanova de Arousa, os días 7, 14 e 21 de xullo, ás 18.00 horas

Sesións formativas para o sector do mar
Sesións formativas para o sector do mar / GALP

O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Arousa (GALP) continúa con proxectos de igualdade que se promoven dentro deste ámbito profesional. Por este motivo, durante as próximas datas desenvolveranse varios proxectos con perspectiva de xénero coa intención de promover a igualdade no sector do mar.

En xullo está prevista a organización de tres xornadas de formación sobre habilidades dixitais; traballo en equipo e liderado; e comunicación en público. As sesións desenvolveranse no Pazo Vista Real, no municipio de Vilanova de Arousa, durante os días 7, 14 e 21 de xullo, ás 18.00 horas. 

Desde o Galp tamén indican que despois do verán organizarán outras tres sesións de carácter aberto e con profesionais expertas no Réxime do Mar e en Saúde Laboral, temas relacionados directamente coas profesións marítimas nas que existen un maior número de mulleres traballando. O peche do proxecto será en outubro cunha sesión na que participarán representantes da administración.