O Goberno central frea o informe sobre a prórroga de ENCE ata que entre en vigor a Lei de Costas

Pontevedra
13 de marzo 2014

A Consellería de Medio Ambiente recibiu un oficio no que o Ministerio indica que "en previsión de que o desenvolvemento do texto da Lei de Costas puidera introducir especificacións que se deban ter en conta no expediente" da por non realizada a solicitude de informe en relación coa permanencia en Lourizán máis alá de 2018

Complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán
Complexo industrial de Ence-Elnosa en Lourizán / Juan Mejuto

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente non emitirá informe á solicitude realizada por Ence para que se amplíe a súa concesión para a factoría de Lourizán máis alá de 2018 ata que entre en vigor a nova Lei de Costas, que este mércores 12 de marzo comezou o seu período de exposición ao público.

A Xunta de Galicia pedira ao Ministerio de Medio Ambiente non emitir informe sobre a solicitude de prórroga ata que se conte co desenvolvemento regulamentario da Lei de Costas. Esta semana, a Administración autonómica ven de saber que este departamento estatal accedeu á súa solicitude.

En concreto, segundo informa a Xunta de Galicia nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente recibiu un oficio no que o Ministerio indica que "en previsión de que o desenvolvemento do texto da Lei de Costas puidera introducir especificacións que se deban ter en conta no expediente" da por non realizada a solicitude de informe.

No oficio remitido polo Ministerio tamén se aclara que unha vez que se publique e entre en vigor o regulamento, será este Goberno estatal quen novamente solicite á Xunta o informe previo. Terá que ir acompañado pola solicitude de prórroga remitida por Ence.

A Consellería de Medio Ambiente xustificou a súa petición de que non se emita informe argumentando que para proceder á realización do informe é necesario o desenvolvemento regulamentario da Lei de Costas, así como dispoñer da documentación que permita coñecer o alcance, contido e demais aspectos da solicitude de ampliación

O Grupo Ence pediu esa prórroga no mes de decembro de 2013 e en xaneiro desde 2014 o Ministerio de Medio Ambiente xa trasladou á Xunta de Galicia esa solicitude e deulle un prazo de tres meses para emitir un informe sobre a permanencia da súa fábrica na ría de Pontevedra máis alá do fin da actual concesión que vence no ano 2018. En febreiro, a Xunta pediu que non se emitira informe ata que xa esté aplicándose a Lei de Costas, tal el como finalmente acordou o Ministerio.