O goberno de Andrés Díaz afirma que o servizo do CIM se mantén e unicamente con fondos municipais

Ponte Caldelas
10 de xullo 2018

O Concello responde ao comunicado da asociación Mulleres en Igualdade e ás declaracións da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, en relación ao Centro de Interpretación da Muller no municipio 

Xunta de goberno de Ponte Caldelas
Xunta de goberno de Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas
"É falso que non exista CIM en Ponte Caldelas", afirma o goberno local de Ponte Caldelas que sinala que este servizo é de carácter municipal e se xestiona con fondos propios desde que as traballadoras do Centro de Interpretación da Muller, unha psicóloga e unha avogada, gañaran a sentenza derivada da contratación polo anterior goberno do Partido Popular.
 
O grupo de goberno tripartito que lidera Andrés Díaz sinala que o culpable desta situación foi o goberno municipal do PP entre 2007 e 2015, que cometeu irregularidades na contratación executando once prórrogas a unhas traballadoras autónomas.
 
Segundo o goberno local, cumpriuse coa sentenza e o servizo de atención á muller é municipal, con plena capacidade organizativa. Sinala que mesmo se ampliou o horario de atención ás mulleres.
 
Desde o Concello afirman que o comunicado do Mulleres en Igualdade é "rotundamente falso" e culpa o Partido Popular de "indecencia política" ao utilizar un asunto xa resolto. Ademais aseguran que "o PP ten sorte de que non se teña presentado unha denuncia ou querela por prevaricación". 
 
O goberno de Díaz lamenta que a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, confunda o seu cargo institucional e a súa filiación política ao afirmar que Ponte Caldelas non solicitou subvencións europeas en materia de Igualdade cando, desde o Concello, se solicitou unha axuda de 7.444 euros na liña do Programa de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. O goberno local asegura que esta solicitude atópase na listaxe de espera, debido aos "crieterios case sempre pouco transparentes da Xunta".