O goberno de Pontevedra asegura que a débeda con Sogama non afectará os cidadáns

Pontevedra
28 de outubro 2013

Tras o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a favor de Sogama que obriga ao Concello de Pontevedra a pagar 304.000 euros, o portavoz municipal Raimundo González indicou que se están estudando as opcións xurídicas para ver a posibilidade de presentar un recurso

A débeda de Sogama non repercutirá na suba de taxas, segundo o portavoz municipal /

"En ningún momento se vai imputar en ningunha taxa", así de contundente manifestouse o portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Raimundo González, ao referirse á débeda con Sogama de 304.000 euros que tería que desembolsar tras a última sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Pero esta cantidade podería mesmo ascender a 4 millóns de euros xa que hai varias reclamacións pendentes por parte da empresa encargada da xestión dos residuos sólidos urbanos e que se encontran á espera de sentenzas nos xulgados de primeira instancia.

Raimundo González indicou que os servizos xurídicos están a estudar se existe algunha posibilidade de recurso e, segundo apuntou, se hai unha mínima abertura que poida supoñer unha temeridade, acataría a sentenza. O voceiro municipal indicou que "o Concello intentou facer valer o seu contrato, de maneira que a cláusula de revisión vaia en función do prezo da enerxia, que sexa inversamente proporcional ao prezo da enerxía".

E mantén que durante este proceso facendo o cómputo global, o Concello paga menos que outros concellos porque ten un contrato propio. Referiuse tamén á Xunta e a Sogama dicindo que esta sorprendido "porque o Conselleiro e Sogama din que la cumplan, que la cumplan. Se lles nota un pouquiño nerviosos con este tema. Igual os seus servizos xurídicos lle están dicindo que non está tan claro".

E se finalmente, o Concello tivese que facer fronte ao pagamento dos 4 millóns de euros, González alegou que "caben múltiples funcións. Podes fixar prazos, chegar a acordos. Hai un mundo por desbrozar e o concello non ten graves problemas porque xa nos movemos nesa hipótese. E orzamentábamos na cuantía máxima posible por se viña un fallo desfavorable. Prudencia por parte do concello, absoluta e sempre".