O goberno de Pontevedra quere aprobar no pleno deste venres un orzamento "expansivo" para 2021

Pontevedra
12 de xaneiro 2021

O venres 15 ás 11.00 horas está previsto o pleno extraordinario no que se debatirán os orzamentos e a continuación terá lugar o pleno ordinario de xaneiro. Na comisión de Economía e Facenda deste martes rexeitábase a emenda presentada polo PP aos orzamentos e o concelleiro non adscrito Goyo Revenga retirou a súa emenda por defectos de forma 

Pleno da Corporación de Pontevedra do 28 de decembro
Pleno da Corporación de Pontevedra do 28 de decembro / PontevedraViva

O vindeiro venres 15 de xaneiro celebraranse dous plenos no Teatro Principal de Pontevedra. Ás 11.00 horas está previsto o inicio do pleno extraordinario para debater os orzamentos do Concello de Pontevedra para este 2021, así o indicaba o alcalde de Pontevedra á saída da xunta de portavoces deste martes. Tras esta sesión celebrarase un segundo pleno a partir das 12.00 horas.

No pleno extraordinario o único punto centrarase na aprobación dos orzamentos. Desenvolverase baixo un debate conxunto onde se analizarán as propostas dos distintos grupos e, a continuación, votarase de maneira individualizada a emenda á totalidade do Partido Popular e a emenda do concelleiro non adscrito, Goyo Revenga.

Precisamente este martes, o tema dos orzamentos figuraba entre os asuntos para tratar na comisión de Economía e Facenda. Neste encontro rexeitábase a emenda presentada polo Partido Popular e a emenda de Goyo Revenga foi retirada polo propio concelleiro non adscrito.

Segundo explicaba o Raimundo González, concelleiro responsable desta área, a emenda de Revenga presentaba defectos de forma ao tratar en termos xerais e non especificar os axustes que propoñía. González indicaba que se presentou unha declaración de intencións pero non unha emenda nos termos correctos.

O concelleiro tamén criticou ao Partido Popular sinalando que este grupo municipal transcribiu dúas mocións presentadas en 2020 converténdoas en emenda. Ao seu xuízo, esta acción por parte dos populares significa que o orzamento non constitúe unha prioridade política para o PP: " non lles interesan os problemas dos veciños de Pontevedra". 

Raimundo González reiterou a defensa do orzamento que se debaterá o vindeiro venres sinalando que está pensado para a reactivación porque "temos que pensar no futuro" e saír coa maior velocidade posible da actual situación. Indicou que se trata dunha primeira parte duns orzamentos que terán continuidade na próxima modificación e definiu o documento como "expansivo" engadindo que será un "pistoletazo de saída" para a reactivación económica e para superar a crise presente.

A primeira fase deste orzamento supera os 80 millóns de euros, e o goberno local ten prevista unha segunda para o mes de abril coa incorporación dos remanentes de tesourería liquidados do orzamento 2020.