O Goberno defende a súa "intensa actividade diplomática" para retomar a busca dos aínda desaparecidos

17 de marzo 2022

Pedro Sánchez, segundo o seu xefe de gabinete, está "persoalmente implicado" en todas as xestións que está a realizar España coas autoridades canadenses, coas que manteñen un labor diplomático para que autoricen o regreso dos medios de salvamento ao lugar do naufraxio

Pedro Sánchez con Samuel Kwesi, un dos sobrevivintes do Villa de Pitanxo
Pedro Sánchez con Samuel Kwesi, un dos sobrevivintes do Villa de Pitanxo / Pool Moncloa / Fernando Calvo

Aínda que recoñecen que "lamentablemente" ata o momento as xestións realizadas non chegaron a bo porto, o Goberno defende a "intensa actividade diplomática" realizada para retomar a procura dos mariñeiros aínda desaparecidos tras o naufraxio do Villa de Pitanxo.

Así llo trasladou ás familias da tripulación do pesqueiro de Marín o director do gabinete da Presidencia do Goberno, Óscar López, que lles remitiu unha carta en nome do titular do executivo central, Pedro Sánchez.

Nunha resposta a unha comunicación previa dos familiares, que solicitaban que se retomase a procura das doce persoas cuxos corpos non foron recuperados, o Goberno asegura que "non abandonou os seus esforzos" para que estes traballos continúen.

Sánchez, segundo o seu xefe de gabinete, está "persoalmente implicado" en todas as xestións que está a realizar España coas autoridades canadenses, coas que manteñen un labor diplomático para que autoricen o regreso dos medios de salvamento ao lugar do naufraxio.

A este respecto, o Goberno asegura que a embaixada española en Canadá "non escatimou medios" para cumprir co traballo encomendado, aínda que non se produciran avances,

O executivo español destaca na súa misiva o "esforzo encomiable" dos buques pesqueiros que faenaban na zona para tratar de localizar e recuperar os corpos dos desaparecidos, xa que demostraron "un compromiso e unha solidariedade exemplares".

Tras recoñecer a "impotencia" que deben sentir os familiares, aos que o Goberno traslada "a nosa solidariedade e profundo pesar", a carta oficial conclúe que Pedro Sánchez "mantén o compromiso que adquiriu cos familiares dos desaparecidos".

"Confiamos en que grazas ao esforzo de todos a procura dos desaparecidos poida dar o resultado que esperamos", sentencia o Goberno.

DECEPCIÓN NAS FAMILIAS

Despois de recibir esta misiva, as familias aseguran estar "decepcionadas" ao non ver recollidos os compromisos que lles trasladou o propio Pedro Sánchez tras a chegada a Santiago dos tres sobreviventes do naufraxio e de cinco dos falecidos.

Avanzan que responderán tamén por carta ao presidente do Goberno, pero adiantan que a posibilidade de baixar ata o barco para comprobar se hai falecidos no seu interior "é posible" e para iso "só hai que ter vontade e xestionalo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora