O Goberno evita responder a En Marea sobre o futuro de Elnosa na ría

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

Limítase a indicar que o Ministerio de Economía, Industria e Competitividade está a traballar coas empresas do sector para obter préstamos que lles permitan investir e modernizarse. Non indica que vai suceder coa prórroga da concesión de Costas

A senadora Vanessa Angustia, a deputada Ángela Rodríguez e o deputado do Parlamento, Marcos Cal
A senadora Vanessa Angustia, a deputada Ángela Rodríguez e o deputado do Parlamento, Marcos Cal / PontevedraViva

A deputada do Congreso, Ángela Rodríguez; o deputado do Parlamento Marcos Cal e a senadora Vanessa Angustia, integrantes de En Marea, manifestaban este mediodía en Pontevedra a súa preocupación pola resposta ofrecida polo Goberno sobre o futuro da empresa Elnosa na ría de Pontevedra.

Desde o goberno indican que houbo empresas que se adaptaron e cambiaron de sistema de produción de cloro durante o prazo concedido pola Unión Europea e indica que, a través do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade traballouse para coordinar préstamos que permitiran acometer novos investimentos e levar a cabo a modernización das empresas cloreiras. Pero aclara que o Goberno non entra a valorar as decisións empresariais tomadas dentro da súa liberdade de actuación sobre o alcance dos investimentos ou calendarios das actividades.

Ante esta resposta, En Marea volverá preguntar no Congreso sobre se o Goberno coñece as condicións e prazos de adaptación previstos polo grupo químico portugués CUF para a súa fábrica de Elnosa en Pontevedra. Como xa fixera anteriormente tamén preguntará sobre a estabilidade laboral dos traballadores de Elnosa, tanto nas fábricas de Torrelavega como en Pontevedra.

Arquivado en