A concelleira de Festas, Carme da Silva, anunciou a renovación do convenio coa empresa que xestiona a Praza de Touros de Pontevedra durante outro ano. Nesta ocasión, a cifra rebáixase en 2.500 euros respecto ao anterior contrato. Desta forma, o Concello de Pontevedra pagará 38.500 euros pola utilización do recinto durante aquelas ocasións que o precise, en datas en que a empresa propietaria non necesite o coso de San Roque.
Esta medida adóptase a pesar das críticas do grupo de Marea Pontevedra e de diversos colectivos antitaurinos que reclaman a suspensión deste acordo. Carme da Silva indicou que o Consello Aberto da Feira Franca, no que estiveron presentes nove entidades activas, apoiou por unanimidade renovar o convenio ao entender que é o mellor espazo para que se desenvolva o Torneo Medieval.
Neste sentido, Da Silva indicou que por ese prezo é imposible lograr un recinto con cortellos, camerinos e que poida ofrecer capacidade para tanto público como o que se reúne nestas instalacións durante a tradicional festa.
A concelleira apuntou que o recinto se utiliza para outras actividades ao longo do ano como a Feira Cabalar ou a recepción de carrozas da Cabalgata de Reis. Ademais, apuntou que o Concello a través deste convenio pode ceder este espazo a outros colectivos para que poidan empregalo para actividades que xustifiquen o seu uso.