O Concello de Pontevedra celebrou esta mañá unha Xunta de Goberno Local extraordinaria para aprobar unha modificación de crédito por unha cifra de 4.170.225 euros. Desta cantidade, 3.993.000 resérvanse con motivo do auto do Xulgado do Contencioso número 3 de Pontevedra sobre o preito da parcela 'usurpada' no paseo dos Gafos. Esta modificación de crédito será levada ao pleno do próximo luns 19 de maio.
A asesoría xurídica do Concello recomendou que se consignase tanto a cantidade principal que se recolle no auto coma os intereses e un 25% da indemnización para evitar que se acumulen os intereses establecidos na decisión xudicial.
Os propietarios dos terreos xa recibiron, hai uns anos, 1,3 millóns de euros e a súa intención era obter 19 millóns de euros polos terreos ocupados.
A modificación de crédito considera tamén obras no Pavillón dos Deportes por 50.000 euros e unha consignación presupostaria para o pagamento do terceiro prazo do plan Monte Vivo por valor de 126.984 euros.
Segundo expuxo o voceiro do Goberno Local, Raimundo González, a modificación de crédito supón un incremento no presuposto "porque se financia con cargo ao remanente líquido de Tesouraría" e engadiu que se cumpre o teito de gasto e a estabilidade presupostaria. O concelleiro reiterou que a obra era responsabilidade de Augas de Galicia e que farán o posible "para que a Xunta abone parte" da cantidade de 5,3 millóns de euros que o Concello vai destinar aos propietarios do terreo.