O Goberno local contesta á Xunta e afirma que Augas de Galicia xa pode acceder á rede de saneamento

Pontevedra
17 de abril 2015

Raimundo González, portavoz do goberno local, respondeu ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e á conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, que indicaban que o concello non colabora no saneamento da ría

O portavoz municipal, Raimundo González
O portavoz municipal, Raimundo González / Cristina Saiz
O Concello de Pontevedra responde á Xunta de Galicia sobre o saneamento da ría /

O portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González, respondeu este mediodía ás acusacións do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, nas que culpaban ao goberno local de non querer acometer o saneamento da ría pontevedresa e amparábanse en que non se asinara o protocolo de colaboración con Augas de Galicia para levar a cabo este proxecto.

Raimundo González indicou que dende o 10 de abril, tras a reunión mantida con Augas de Galicia na confraría de Lourizán, se remitiu á consellería de Medio Ambiente un documento no que, para axilizar os trámites, o Concello se compromete a permitir o acceso á rede de saneamento, facilitar a documentación e información que Augas de Galicia solicite, achegar a información das redes de saneamento existentes e facilitar a previsión de investimentos en materia de saneamento. Por este motivo, entenden que a desculpa da falta de autorización para acceder á rede non se sostén.

González indicou que non se asinou o protocolo enviado por Medio Ambiente porque se encontra no procedemento habitual de estudo técnico e por este motivo elaborouse este outro documento no que o único que se pide a Augas de Galicia é que solicite as intervencións cunha marxe de tempo.

Segundo o portavoz local, Augas de Galicia non ten interese no plan de investimentos nin dispón de financiamento para o saneamento da ría. "Só se quere elaborar un estudo" apuntou Raimundo González. E engadiu que durante a reunión mantida coa empresa, non se aceptou ningunha das propostas realizadas polo Concello de Pontevedra como, por exemplo, a construción dun tanque provisional de regulación na depuradora de Praceres.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en